Os datos da segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) sinalan que Radio Galega consolida as súas franxas de liderado en Galicia e sobe ata os 142.000 oíntes de luns a venres, o que supón un incremento do 10% con respecto da primeira onda do EXM de 2023. Estas cifras reflicten a estabilidade e o incremento de seguidores da Radio Galega. En canto ás emisoras públicas que operan en Galicia, a Radio Galega queda preto de triplicar os datos de RNE (55.000 oíntes de luns a venres).
Pola súa banda, a Radio Galega Música duplicou a súa audiencia ata alcanzar os 30.000 oíntes de luns a domingo e os 27.000 de luns a venres. Isto significa unha suba de 15.000 oíntes.
Así, o conxunto de emisoras da Radio Galega acada 169.000 oíntes de luns a venres e 151.000 oíntes de luns a domingo. Con respecto da onda anterior, trátase dun incremento dun 16% (15,75%) no período de luns a venres.
A TVG, líder en Galicia e a canle autonómica máis vista
A Televisión de Galicia segue a ser a canle líder na comunidade e tamén entre as canles autonómicas. A cota do conxunto da semana sobe, de luns a venres, ata o 20,3% segundo os datos do EXM coñecidos este mércores, e ata o 18,9% no conxunto da semana. A Galega é líder nas audiencias desta segunda onda de 2023, con 5,5 puntos máis de luns a venres que o seguinte competidor, Antena 3, e duplicando os resultados da outra canle pública (TVE, 9,8%).
‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’ marcan o liderado informativo
Na franxa informativa da sobremesa, o bloque composto polos programas ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’ marca nesta segunda onda do ano unha cota do 29,1%, o que supón o liderado en Galicia, con máis de 10 puntos de marxe respecto do seguinte competidor (Antena 3) e triplicando a franxa informativa do mediodía da canle pública TVE (8,5%).
TVG lidera tamén entre as autonómicas
Entre as televisións autonómicas, Televisión de Galicia é a canle con máis share, cunha cota que sobe ata o 20,3% e superando en 4 puntos a seguinte canle, de luns a venres.
Por días da semana, destacan as cotas de pantalla acadadas por TVG os luns (22,8%), xoves (21,9%), martes (19,9%) e mércores (19,5%). Na franxa de noite, desde as 20:00 h e na que TVG tamén lidera en Galicia, destacan os bos datos dos luns (22,7%), xoves (18,7%), sábados (17,1%) e martes (17%).